|
Banda de Música "Bellas Artes" de Cangas
Fundada en 1926
Director: D. Eduardo González López

| Dirección postal: |
Avda. Bueu, 14 |
|
36940 - Cangas |
|
Pontevedra |
Breve historial de la Banda de Música "Bellas Artes" de Cangas.

I.- Orixe e primeira etapa: A Banda de Música “Belas Artes” de Cangas, fundouse no 1926. O seu primeiro director foi D. Marcelino Carballo Villaverde, que nace en Moaña no lugar chamado “O Cruceiro” o 26 de Maio de 1983 e falece en Cangas aos 84 anos de idade o 16 de Febreiro de 1967. Foto do ano 1926 Don Marcelino Carballo empeza a súa carreira de músico aos 10 anos cursando os seus estudios en Vigo nas especialidades de Violín e Clarinete. Á idade de 11 anos empeza a tocar nunha colectividade musical en Moaña formada por músicos de Cangas e de Moaña e que pouco mais tarde formarán a Banda de Música “Os Bichucos” de Moaña (orixe da Banda de Música desa Vila). Esta banda acadou un grande éxito no ano 1908 ao quedar terceiros no concurso de Bandas Populares celebrado nas festas de Vigo, coa obra “Marcha das Antorchas”. No ano 1910 o Sr. Carballo marcha a Cuba para traballar como carpinteiro ebanista, pero aos nove meses de atoparse alí gaña a praza como clarinete principal e solista na Banda de Música Infantería de Marina de Guerra de dito país, alcanzando a categoría de Sarxento 1º de Infantería de Marina. Case vinte anos despois regresa á súa terra natal e agrúpase á existente banda “Os Bichucos” cuxo director foi Don Fernando Costas e os seus músicos estaban diseminados ao longo de Coiro, Reboredo, Espírito Santo, Ameixoada e Moaña. Coa desaparición desta banda, o mestre Carballo ten máis tempo e sendo o ano 1925 comeza a sentar as bases para o que será a Banda de Música Popular de Cangas, empezando a dar clases de solfeo. Por suscrición popular e con axuda do Concello se compran e se traen de Italia un total de 30 instrumentos recibidos o 6 de novembro de 1926 e redáctase o primeiro regulamento da Banda Popular de Cangas. Foto do ano 1930 Catro meses logo de recibilos a Banda de Música Popular de Cangas preséntase por primeira vez en público nas festas de San Xosé de 1927 cun pasarúas e un Concerto no Teatro “Cabanelas” (na Rúa Real). Ao mesmo tempo inaugura o Palco de Música da Alameda de Félix Soage (Alameda Vella) de Cangas Fora da actividade de mestre-director da Banda de Música destaca o seu traballo como carpinteiro colaborando na restauración do paso da Semana Santa, ademais de adicarse á construcción de violíns. O mestre Carballo está á fronte da Banda de Música Popular de Cangas ata a República onde é destituido por asuntos realcionados coa política, pasando a dirixir durante un tempo a Banda de Música de Silleda. Pero o mestre Carballo retornará á Banda de Música esta vez co nome de Agrupación musical “Bellas Artes” de Cangas xa como músico e ata o seu falecemento. Por aquel entón a banda estaba formada por trinta profesores-músicos entres os que estaban: Manolito (Chilola), Caamaño. Angel del Río, Fandiño, Castrito, Miguel, Paco (Picue), Avelino, Cereiro, Loño, etc etc Foto do ano 1935 II.- Segunda etapa A Banda de Música pasa a estar dirixida polo extremeño Don Lucas Ramírez Muñóz, que a parte de ensaiar a Banda tamén daba clases de piano o que o facía un gran director e mestre para as artes musicais. Nesta época a banda estaba formada por cuarenta músicos e comeza a ensaiar na Rúa Fonte Ferreira (hoxe en día Av. de Moaña). O traballo dos seus compeñentes e o tesón de Don Lucas fixo que a banda de música de Cangas cobrase corpo e pouco a pouco fora colleitando éxitos, chegando a ser una das principais da provincia. Desta época aínda se recorda en Cangas o concerto que fixo a banda de música na véspera da Romería da Nosa Señora de Darbo onde interpretou a obra “Fantasía Musical” a cal representaba unha viaxe de tren a Madrid. Esta banda durou ata o ano 1936, entrando nun periodo de ausencia ata a década dos cincuenta. III.- Terceira etapa Logo dunha larga xestión para reagrupar os músicos dispersos ao longo da Vila o alcalde do Ilmo. Concello de Cangas D. Ladislao Castro Castro e un pequeno grupo de entusiastas, dan lugar á aparición da Agrupación Musical “Bellas Artes” de Cangas, dirixida polo mestre D. Luís Rodríguez Puga. Foto do ano 1953 En Xuño de 1952 crease un regulamento interno para rexir a Banda. Nesta época a agrupación estaba constituída por trinta músicos.e os seus ensaios eran na parte posterior da Lonxa de Peixe daquela época. Un dos éxitos máis importantes desta agrupación foi o conseguido no Concurso celebrado en Vigo coa obra “O Bateo”. Durante a dirección de D. Luís Puga a Agrupación musical celebra por todo o alto a festividade da súa patroa “Santa Cecilia”. Pola mañá tocábase a famosa “Diana” e despois de escoitar a Santa Misa celebrábase o xantar de irmandade entre os músicos e o Director. Durante a noite tocábase polas rúas de Cangas unha serenata. Algo que cincuenta anos despois séguese mantendo como unha tradición na nosa vila. Os éxitos desta banda espallábanse por toda a xeografía galega entre as que estaban as famosas “Verbenas de Vigo” e as festas de Santa Rita en Vilagarcía, ademais de actuacións na veciña Portugal como as festas de Sao Bento no pobo de Traviscoso (Monçao) Grazas ao traballo do mestre Puga xunto coa colaboración de Manuel González Martínez (“Manolito Chilola”), pasaron por esta banda músicos como os irmáns Torres, Francias, irmáns Limas, Daniel Docio, Joaquín Docío, Avelino Silva, Jose Pazó, Angel Pazó, Jesús González “Felecho”, Manuel Blanco “Virutas”, ……… Foto do ano 1957 D. Luís Puga estivo á fronte desta Banda ata o ano 1963, a partir desa época e durante nove anos a Banda estivo sen director. IV.- Cuarta etapa Polo ano 1972, D. Manuel Blanco Soliño e outros antigos membros reagrúpanse de novo para continuar dando nome á “Bellas Artes”. E así formaron con tan só trece músicos a Banda de Música “Bellas Artes” ata o ano 1982. Foto do ano 1972. Durante o ano escolar 1982-1983 comeza a funcionar, baixo o patrocinio do Ilmo. Concello de Cangas no Colexio Público Nazaret a Escola de Música de Cangas dirixida polo Mestre Eugenio Carballo e o Mestre Inocentes Camaño. A partir de aquí co Mestre Inocentes Camaño á cabeza e coa colaboración entusiasta de D. Jesús Cordeiro, comeza a moderna traxectoria desta agrupación coa inclusión de xente xoven e de novo repertorio, pasando a ser 42 compoñentes. No ano 1985 fúndase a Asociación Cultural “Bellas Artes” e en 1987 créase a Escola de Música que posteriormente pasou a chamarse Escola Municipal de Música “Mestre Inocentes Camaño”. No ano 1988 edítase o que é o seu único disco de estudio chamado “Cangas pobo encantador” Dende 1990, ano no que falece o mestre Camaño, pasa a dirixir a Banda o subdirector e membro da Banda D. Alberto González Avilés. Por esta agrupación pasaron directores como son D. Antonio Budiño Durán, D. Pedro García Larroque, e D. Alfredo Sánchez Murcia, que se fixo cargo da Agrupación Musical no ano 1995 e ata o 2003. Na actualidade, e dende novembro do ano 2003, o Director é D. Eduardo González López Foto do ano 1985 A fináis de 1999 a Asociación empeza a traballar na creación da Sección Xuvenil de “Bellas Artes” algo que é unha realidade uns meses máis tarde, en febreiro do ano 2000. Dende 1997 a Agrupación vén organizando en Cangas o Festival de Bandas de Música, festival polo que pasaron grandes agrupacións da nosa Comunidade e outras de fóra. Este Festival é unha continuación dos que se celebraron en Cangas durante os anos 1985, 1986 e 1987 e que tanta sona tiveron por toda Galicia, xa que os tres foron na modalidade de Certame cos seus correspondentes premios. Foto do ano 1990 Podemos dicir que a Agrupación Bellas Artes foi a pioneira neste tipo de eventos e que coa continuidade dos festivais actuais vense a reforzar o espírito musical e o amor ás Bandas, tanto en Cangas como no resto de Galicia. A Agrupación Bellas Artes participou en diversos festivais tanto en Galicia como no resto do territorio nacional, con actuacións en Valladolid, Huesca, Asturias, Tarragona, Alacante, Valencia e Oporto. No mes de Outubro do 2001 participa na primeira edición do Certame de Bandas organizado pola Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra. En Outubro de 2002 e 2003 volve participar no II e III Certame de Bandas organizado pola Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra, acadando ambas as dúas veces o PRIMEIRO PREMIO da Segunda Sección. Foto do ano 1998 No ano 2005 e 2006 participa novamente no V e VI Certame de Bandas organizado pola Excelentísima Deputación Provincial de Pontevedra, acadando ambos os dous anos a segunda posición e polo tanto o SEGUNDO PREMIO da Segunda Sección.

Curriculum de D. Eduardo González López.

Nace no ano 1972 en Marín (Pontevedra), onde inicia os seus estudios musicais da man de D. Vicente Esparza e D. Antonio Budiño. Aos doce anos de idade matricúlase no Conservatorio Superior de Música de Pontevedra na especialidade de clarinete, iniciando así os seus estudos de forma oficial. Nesta época ten como profesores a D. Francisco Javier Vidal, profesor do Conservatorio de Música de Redondela, a D. Esteban Valverde, profesor do Conservatorio de Música de Pontevedra e a D. Francisco Pérez, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, acadando a titulación de profesor na especialidade de clarinete . Amplía os seus estudios asistindo a clases maxistrais con profesores de renome coma D.Enrique Pérez Piquer, solista da Orquestra Nacional de España, D. Vicente Peñarrocha, profesor do Real Conservatorio de Música de Madrid, ou D. Francisco Espejo, solista da Orquestra da RTVE. No mundo da dirección empeza da man do mestre D. Xosé Alfredo Sánchez Murcia, antigo director da agrupación Bellas Artes. Asiste así mesmo a clases con D. Marcel Van Bree e D. Javier Viceiro e realiza cursiños de dirección cos Mestres: Jan Van Der Roost , Marcel Van Bree e D. Enrique García Asensio. Foi membro fundador do Cuarteto de Clarinetes Quórum Musical, da Banda de Música Ateneo Santa Cecilia de Marín, na que tamén imparte clases na súa Escola de Música, da Asociación Músico-Cultural de Ribadumia, onde tamén impartía clases de clarinete. Ata o mes de Novembro do 2003 estivo á fronte da Banda de Música Unión Musical de Tenorio con quen obtivo un 3º premio no III Certame de Bandas de Música Provincial de Pontevedra. Na actualidade é membro da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín, e dende Novembro do 2003 esta á fronte da Banda de Música Bellas Artes de Cangas.

|